FEBREIRO
As outras máscaras
O Entroido é tempo de festa e de alegría, de diversión e de liberdade. Non queriamos resignarnos a perder todo iso. Non queriamos renunciar á nosa festa. Así foi que matinamos noutro xeito de celebrala, desde a casa, acompañados das nosas familias, cos pés quentiños e a barriga chea.
Por unha tarde deixamos fóra as grises máscaras de cada día e cambiámolas polas do Entroido, máis fermosas, máis brillantes. Cando estamos unidos, cando compartimos tempos de alegría, de xogo e de música, tamén crecemos e maduramos. Aprendemos o valor da convivencia e coidamos que non hai mellor maneira de aprender que cun sorriso pintado nos beizos.
Cando volvan os Entroidos de toda a vida, esas festas que botamos tanto en falta, tamén recordaremos aquel ano no que tivemos que reinventar a forma de vivila. Feliz Entroido!