OUTUBRO 2022
De cabazas e de espíritos
No ciclo galego de festas e tradicións, o mes de outubro ocupa un lugar moi salientable. Marca o fin da luz e o inicio da escuridade. Naqueles tempos máis antigos, esta mudanza no aspecto dos días e das noites causaba medo e angustia. Por iso parecía a época máis axeitada para enfrontarse coa morte, coa dos antepasados e coa propia.
As galegas e os galegos do século XXI xa non vivimos con eses medos. Sabemos que os días minguan porque o planeta vai orbitando arredor do Sol e ten o eixo inclinado. Pero gústanos experimentar esas mesmas sensacións de medo e de fraxilidade.
Na escola de Baión, ademais, imos aproveitar para investigar sobre a Santa Compaña, un deses personaxes colectivos recurrentes nos contos e lendas de Galicia. E coma sempre, unha gran festa, con exposición de cabazas incluída, servirá para dar remate a un mes que é final pero tamén é principio. Feliz Samaín a todas!


