FEBREIRO
Martes de Entroido
Serás o que queiras ser
O mes de febreiro é unha chamada urxente á conciencia de todas as persoas que nos ocupamos na educación dos máis novos: o profesorado das escolas e institutos pero tamén todas e cada unha das súas familias. Temos que loitar contra a lousa de prexuízos que aínda pesa sobre as oportunidades das nenas e das mulleres, eses estereotipos que nos din como teñen que actuar, pensar e sentir, a que oficios se deben dedicar, como deben comportarse en público, como deben vestir, etc. As nenas serán o que queiran ser, sen limitacións artificiais que non teñen sentido. O día 11 é unha boa ocasión para compartir unha mensaxe a favor da igualdade entre homes e mulleres e para afirmar que a ciencia e a tecnoloxía son terreos abertos a todos os xéneros, sen exclusións.
Por que debemos apoiar as nenas e as mulleres na ciencia e a tecnoloxía?
Porque precisamos desbloquear o potencial da metade da poboación.
Porque na actualidade as mulleres representan menos do 30 por cento do persoal investigador a nivel mundial.
Porque o acceso á tecnoloxía beneficia a participación política das mulleres, o empoderamento económico e a súa saúde.
Porque o 90 por cento dos futuros traballos requerirán habilidades no uso das tecnoloxías da información e da comunicación.
Porque necesitamos solucións diversas para os nosos máis grandes desafíos.
Porque xa fixemos progresos garantindo iguais oportunidades para as mulleres na ciencia pero temos que asegurarnos de que poden prosperar ao máis alto nivel.
Porque apoiar as nenas na ciencia agora significará que elas poidan guiar e ensinar ás nenas do mañá.
Entón, por que apoiar as mulleres e as nenas na ciencia e na tecnoloxía?
Porque o mundo necesita ciencia e a ciencia precisa das mulleres.