NOVEMBRO 2019
O mes da ciencia
Cada ano, ao chegar o mes de novembro, recende a castañas e a chourizos, pero tamén se nos ofrece unha nova oportunidade para reafirmar que a galega é unha lingua tan útil como calquera outra para a difusión científica. Combater prexuízos que veñen de moi lonxe e dar pasos cara ao mellor coñecemento do idioma son os dous obxectivos que nos guían durante estas semanas de outono. Contamos contigo nesta tarefa!
A táboa periódica dos elementos
A Asamblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica. Completaremos un gran mural coas fichas de cada un dos máis de 100 elementos químicos que existen.
20 NOV
Deporte, saúde e lingua
O 20 de novembro recibiremos unha visita moi especial. O ciclista arousán Gustavo César Veloso, membro da nosa comunidade educativa, achegarase ao centro xunto coa corredora portuguesa Diana Pedrosa para conversar co alumnado sobre deporte, vida saudable e o valor da aprendizaxe dos idiomas, tamén do galego, por suposto.
​
Diana e Gustavo resolverán todas as cuestións que o alumnado lles desexe transmitir. Farán especial fincapé nas normas de seguridade para un uso responsable da bicicleta. Tamén falarán sobre os valores de compañeirismo e solidariedade que promove o deporte e sobre a oportunidade que ofrece para coñecer nova xente e novos lugares.