XANEIRO
Cando é tempo de inverno
As árbores espidas, movidas polo vento, e as follas daquelas que aínda as conservan, énchense de xélidas pingas. Abrigos, luvas e gorros non faltan no noso roupeiro e calquera remedio é bo para espantar o frío do inverno. Nós apostamos pola música, que quenta o corazón e dá os azos precisos para agardar pola chegada da primavera.
Cantiga de berce
Durme meu neno, durme, sen máis pranto,
que o tempo de chorare, vai pasando
Que a terra na que vives, non quer bágoas,
precisa homes enteiros, pra libertala.
Durme meu neno, durme, colle forzas,
que a vida que che agarda, pide loita.
Recollera-lo froito sementado,
no inverno escuro e frío, no que estamos.
Semente feita en sangue por un pobo
que xurde dende a historia, dende o sono,
un sono cheo de aldraxe e miserento,
un sono de inxustizas e silencio.
Mira a lingua que falo, despreciada,
por ser lingua de probes, lingua escrava,
son o orgullo que temos, lingua de probes.
Só neles hai verdade e máis honores.
Durme meu neno, durme, niste colo,
que esta terra de escravos non ten odio.
Ten séculos de espranza, agardada,
que pon hoxe nos fillos que amamanta.