top of page

As letras galegas e as árbores, unha nova experiencia formativa de eTwinning



Por quinto ano consecutivo, ao longo do curso 2019-2020, o CEIP de Sestelo-Baión participou de maneira activa en proxectos da rede eTwinning, unha enorme comunidade de cooperación entre escolas europeas que axuda a promover o traballo en equipo e o desenvolvemento das competencias clave. A rede eTwinning forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, xuventude e deporte.

Nesta ocasión traballamos con outras escolas galegas pero tamén do norte de Portugal e da Liguria, en Italia, tanto de primaria como de secundaria, integrando o proxecto Letras Galegas 2020 – Ricardo Carvalho Calero. Foi a cuarta vez que formamos parte dun programa que xa chegou á súa décima edición e no que participaron máis de 200 persoas, entre alumnado e docentes.


Como inicio da nosa colaboración, o alumnado de sexto de primaria elaborou un vídeo para dar a coñecer a escola ao resto de integrantes do proxecto pero que, unha vez publicada na páxina web oficial do colexio, tamén serviu de presentación para a comunidade educativa e para outras familias que desexan coñecer o noso centro.


Ao longo de todos estes meses tamén cooperamos na investigación sobre as catro figuras literarias propostas: Sophia de Mello Breyner, Maria Judite de Carvalho, Gilberto Govi e o citado Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle dedicou o Día das Letras. Esta investigación consistiu no recitado de fragmentos literarios que posteriormente foron compartidos na plataforma do proxecto.Desde o noso centro quixemos impulsar unha actividade relacionada coas árbores que proporcionou unha oportunidade magnífica para indagar na riqueza natural e cultural dos nosos entornos. Por unha banda tratábase de recoller información sobre as árbores que temos nos recintos escolares e nas súas proximidades para despois convertir esa información en recursos dixitais como arquivos de audio, vídeo, textos e imaxes. Pero tamén, desde unha perspectiva cultural, interesaba atopar referencias ás árbores no patrimonio artístico e literario popular así como nos escritos dos autores do proxecto co fin de coñecer o rol que xogou a árbore na súa obra literaria.


O alumnado do CEIP de Sestelo-Baión investigou sobre a variedade de árbores que temos no recinto escolar (magnolia, salgueiro, bidueiro, abeto, castiñeiro, liquidámbar, etc.) pero tamén sobre o catálogo de árbores senlleiras de Galicia, do que temos un exemplo fabuloso a escasos metros da escola, o piñeiro manso do pazo do Cabido. Ademais, algúns alumnos realizaron entrevistas aos avós para coñecer os xogos da infancia que tiñan relación coas árbores, fixeron preguntas a profesionais que traballan no campo da xardinería e animáronse a compartir experiencias persoais de busca na natureza.



As achegas das diversas escolas, moi ricas e variadas, consistiron fundamentalmente en vídeos sobre as árbores máis próximas, textos expositivos sobre as variedades arbóreas, recitado de poemas e cancións, ditos e refráns, entrevistas a familiares, etc. Estas aportacións foron editadas para elaborar tres produtos multimedia: unha revista, un vídeo e un audio. Nestes produtos finais, é fácil constatar como a árbore ocupa un lugar primordial nas nosas culturas e nos nosos entornos naturais, aínda que falemos de contextos xeográficos diferentes.


A experiencia, que resultou moi satisfactoria e favoreceu o desenvolvemento das capacidades do alumnado, rematou en xuño cunha multitudinaria sesión en liña na que todos os nenos e nenas colaboradores puideron poñer a proba o aprendido nun divertido kahoot a modo de festa de despedida.


Revista As árbores
.pdf
Download PDF • 15.92MB

76 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
bottom of page