top of page

De bicicletas e valores


Levo once anos en Baión e non esaxero se afirmo que a charla de hoxe foi a máis completa desde o punto de vista educativo en todo este tempo. Diana e Gustavo foron amables e simpáticos, tan xenerosos como para dedicarlles unha mañá enteira do seu tempo persoal aos rapaces e rapazas da nosa escola. Que dicir ademais de Diana? Que veu desde Portugal para estar connosco sen coñecernos de nada, só por compartir a súa experiencia. Ficamos todos moi agradecidos e os organizadores da charla, moi satisfeitos por como resultou.

O valioso desta sesión, na miña opinión, non foi só todo o que aprendimos sobre as partes da bicicleta, que están fabricadas con fibra de carbono, que se complementan cunha serie de dispositivos electrónicos pensados para correr máis rápido e máis seguros e que se adaptan a cada tipo de carreira. Esa foi, sen dúbida, a parte máis atractiva da charla porque sempre gusta ver as cousas ao vivo e que alguén experto chas vaia explicando con todo detalle, resolvendo dúbidas e espertando a nosa curiosidade. Moitos nenos querían coñecer tamén os logros de Diana e de Gustavo, as carreiras que gañaron, as copas que obtiveron, os anos que levan competindo. Non cabe dúbida de que Gustavo é un extraordinario ciclista cunha fenomenal carreira profesional e que Diana ten as condicións e a xuventude para lograr o mesmo no futuro.

Para min, con todo, a parte máis interesante foi a que tratou sobre as experiencias persoais e as ensinanzas para a vida, é dicir, a parte máis formativa. Gustavo referiuse a moitos asuntos de relevancia:


O deporte como hábito saudable

Insistiu Gustavo nos efectos beneficiosos da práctica deportiva, en como o benestar está tan relacionado con ese hábito e como o deporte pode ser a mellor medida de prevención contra as enfermidades. Tamén sinalou que todas as persoas, independentemente da súa saúde, poden practicar deporte sempre que coñezan os límites que non deben rebasar. Tivo tempo tamén para salientar a importancia dunha alimentación sa e equilibrada.


As medidas de seguridade

Unha das advertencias máis destacadas da charla foi o uso obrigatorio do casco sempre que saímos a andar en bicicleta. O casco, como ben lembrou Gustavo, protexe unha parte fundamental do noso corpo como é a cabeza. Outros elementos de protección como os guantes adoitan utilizalos só os profesionais porque non poden permitir que unha caída lles impida continuar a carreira.


Igualdade entre homes e mulleres

A participación de Diana tamén nos valeu para chamar a atención sobre as inxustizas que aínda existen no deporte en relación coas mulleres. Cobran menos e atopan moitas dificultades para atopar equipos femininos. Gustavo repetiu unha e outra vez: "practicade todos deporte, nenas e nenos".


Multideporte

Para Gustavo o primeiro contacto co deporte ten que ser divertido. Por iso sempre aconsella practicar diversas disciplinas e así, co tempo, atopar entre todas elas aquela que nos vai proporcionar maior pracer e, quizais algún día, un modo de vida. Aquilo que facemos con pracer resulta moito máis doado porque combinamos a maneira de gañar o pan con algo que nos resulta satisfactorio.


Saber traballar en equipo

Unha ensinanza moi valiosa sobre a que todos deberiamos reflexionar é o valor do traballo en equipo, que no ciclismo resulta esencial, pois os corredores teñen que poñerse ao servizo de quen ten máis posibilidades de éxito. Dentro dun equipo asumimos un compromiso persoal e colectivo, axudamos e somos axudados.


Confiar nas persoas que te educan e educar os demais

Na miña opinión, este foi un dos asuntos nos que Gustavo estivo máis atinado. Indicou que leva moitos anos co mesmo adestrador porque confía nel e porque ten o convencemento de que o adestramento que fai é o mellor para as súas condicións. Para min isto ten moito que ver coa miña forma de entender a profesión de mestre, con esa ambición de despertar confianza entre o alumnado e transmitir o valor de cada cousa que facemos na aula. Tamén foi especialmente atinado recordarlle a todos os nenos e nenas que teñen unha misión importantísima entre os seus familiares e amigos: axudar a educar nos hábitos saudables e nas medidas de seguridade e prevención de accidentes.


Coñecer mundo

Gustavo síntese afortunado porque, grazas ao ciclismo, puido visitar países tan afastados como Brasil ou Malasia. Abrirse o mundo, coñecer outras culturas é unha maneira de crecer persoalmente e unha oportunidade estupenda para reparar nas virtudes e defectos que todas as sociedades teñen. Preguntado polo país que máis lle gustou visitar, Gustavo, sen decantarse por ningún, afirmou que a rede de carrís-bici en Dinamarca si que lle chamou a atención.


Valorar a lingua galega

O terceiro ingrediente desta actividade, que demos en chamar "Deporte, saúde e lingua", tiña como referencia a lingua galega e como a Gustavo favoreceulle para ter unha carreira profesional de éxito en Portugal. Aos poucos meses xa entendía perfectamente os compañeiros e os xornalistas, podía atender preguntas e facer entrevistas. Iso ten un enorme valor porque a comunicación é fundamental dentro dun equipo. A lingua galega é a porta de entrada a un mundo de millóns de falantes e non podemos desaproveitar esa enorme oportunidade de contacto.



Obrigado, Diana. Grazas, Gustavo.

31 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page